A rehabilitación das carpinterías da Seara encara a súa recta final

O Concello de Moaña ultima a recuperación dos estaleiros tradicionais de Casqueiro e Carlagho, que se converterán nun conxunto cultural e museístico aberto á cidadanía

O Concello de Moaña ultima a recuperación dos estaleiros tradicionais de Casqueiro e Carlagho, que se converterán nun conxunto cultural e museístico aberto á cidadanía

A rehabilitación das históricas carpinterías da Seara, no centro de Moaña, encara xa os seus últimos pasos. Trátase dun proxecto de longo percorrido, iniciado no ano 2017, que tras anos de espera debida a obstáculos técnicos e mesmo un atentado incendiario, está agora moi preto de abrir as súas portas á veciñanza.

Promovido polo Concello de Moaña e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e o GALP Ría de Vigo – A Guarda, representa un paso firme na recuperación do patrimonio marítimo pesqueiro local e na creación dun novo espazo público de uso cultural e museístico.

Un dos eixes centrais desta intervención foi a restauración dos dous estaleiros tradicionais, declarados Ben de Interese Etnolóxico en 2018. A carpintería de Casqueiro, destruída intencionadamente por un incendio no ano 2017, foi reconstruída mantendo a esencia do deseño orixinal, a partir de documentación histórica e materiais conservados. Ademais, consérvase a histórica rampla-varadoiro que conectaba directamente o estaleiro co mar, mantendo vivos os sinais do seu uso orixinal.

Pola súa banda, a carpintería de Carlagho, que conserva gran parte da estrutura orixinal, tamén a rampla-varadoiro, foi restaurada e acondicionada para manter viva a súa actividade vencellada á construción e reparación de embarcacións tradicionais. Neste espazo desenvolveranse obradoiros, programas formativos dirixidos á mocidade e outras iniciativas orientadas á transmisión deste oficio artesanal.

Xunto á recuperación dos edificios, o proxecto contemplou tamén a súa integración nun espazo público renovado, accesible e conectado co entorno urbano. Para iso, retiráronse elementos que impedían a continuidade do paso pola fronte marítima garantindo a servidume de tránsito ao longo da liña costeira.

En conxunto, este proxecto supón un xiro histórico para Moaña que, tras anos de espera, reivindica con forza o seu pasado mariñeiro e aposta por recuperalo como motor de futuro. A veciñanza, que leva moito tempo agardando por este momento, poderá desfrutar en breve dun espazo único, pensado como lugar de encontro, memoria colectiva e orgullo compartido.

Comparte a noticia!