Moaña avanza na rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara

Moaña avanza na rehabilitación das carpintarías de ribeira da Seara

O proxecto busca converter os estaleiros tradicionais de Carlagho e Casqueiro nun espazo museístico e de lecer para a posta en valor do patrimonio marítimo

Cun custe de case un millón de euros, a iniciativa está confinanciada pola Deputación de Pontevedra, o GALP Ría de Vigo – A Guarda e fondos propios do Concello

O proxecto de rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara avanza con paso firme. O Concello xa ten en marcha unha iniciativa cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, o GALP Ría de Vigo – A Guarda e con fondos propios que permitirá converter os estaleiros tradicionais de Carlagho e Casqueiro nun espazo para uso museístico e cultural integrado na gran praza de preferencia peonil na que se transformará o tramo final da Avenida Concepción Arenal. Cun custe de case un millón de euros, ademais de recuperar a estrutura de madeira destas instalacións, formada por pórticos característicos, o proxecto prevé tamén continuar o paseo marítimo actual respectando as ramplas varadoiro.

“Queremos devolver á veciñanza un espazo no centro pegado ao bordo litoral, recuperando un lugar icónico dentro da historia do noso concello e convertendo toda a contorna da Seara nun espazo de estancia, convivencia e lecer no que seguir poñendo en valor o noso patrimonio marítimo”, salienta a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz. 

O Concello foi capaz de captar fondos externos para crear este espazo único a modo de grande área polivalente que permita a realización de actividades vinculadas coa cultura e o patrimonio mariñeiro de Moaña, poñendo en valor a tradición e os traballos do mar e ás súas xentes, con especial fincapé no labor das mulleres no sector pesqueiro. Un espazo de dinamización da cultura marítimo pesqueira que suporá “a recuperación dun espazo actualmente degradado para transformalo nun espazo de socialización e desfrute da veciñanza moañesa e das persoas que nos visiten”. 

A rehabilitación das carpintarías de ribeira de Carlagho e Casqueiro permitirá tamén seguir impulsando un turismo sostible e de calidade vencellado ao patrimonio do sector pesqueiro, visibilizando as actividades tradicionais da pesca e a arraigada cultura marítimo pesqueira de Moaña.

Comparte a noticia!