O presidente do goberno provincial recibiu onte na sede da Deputación á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para asinar o convenio do proxecto
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu onte no Pazo Provincial á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (Pon2030) a través do cal o goberno provincial financiará con case 690.000 euros, o 75 % do orzamento, o proxecto para a rehabilitación das carpinterías de ribeira da Seara. O Concello, pola súa banda, proporciona o 25 % restante, uns 230.000 euros. Trátase dunha nova mostra de cooperación entre administracións para, neste caso, a posta en valor e recuperación do patrimonio etnográfico do Concello de Moaña, sinalou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.
O proxecto, valorado en preto de 920.000 euros, céntrase na rehabilitación integral das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlagho e a súa integración na contorna da praza e o paseo que bordea a praia da Xunqueira, na zona da Seara do Concello de Moaña.
A intervención inclúe o retranqueo das fachadas das carpinterías de ribeira para permitir a servidume de tránsito, a posta en valor das costas-varadoiro, a reconstrución da carpintería de ribeira de Casqueiro, volvendo recuperar a súa estrutura de madeira; e a conservación e mellora da fachada e estrutura da carpintería de ribeira de Carlagho. O obxectivo deste proxecto baséase na recuperación destes dous estaleiros tradicionais que viviron o seu auxe a comezos do século XX para o seu uso cultural e museístico.
Fonte: www.atlantico.net